A inicios do mes de febreiro levamos a cabo unha sesión compartida do proxecto COIL desenvolvido dentro do marco da materia de Economía da Educación do Grao en Pedagoxía na Facultade de Ciencias da Educación (USC). Este proxecto realizouse entre o estudantado e o profesorado da Universidade de Santiago de Compostela e o da Université Gaston Berger de Saint-Louis de Senegal (UGB). Inda que á sesión de clausura asistiu unha pequena representación de alumnas que participaron no proxecto, hai que resaltar que estiveron implicados 42 estudantes en total que traballaron de forma cooperativa para abordar as actividades propostas do proxecto, que tiña como obxectivo definir e recoñecer o dereito á educación de calidade da cidadanía.
Na sesión final tivemos a oportunidade de poñer en común as aprendizaxes realizadas e os aspectos de mellora de cara a futuras colaboracións. Nesta xuntanza, as alumnas que asistiron en representación do grupo-clase puxeron de manifesto o que supuxo para elas a súa participación no proxecto, as aprendizaxes acadadas e os aspectos máis relevantes desta proposta didáctica.
Dende o grupo TeXe, as profesoras Mª Esther Olveira Olveira e María González Blanco, coordinadoras do proxecto COIL, queremos agradecer ao estudantado da Universidade de Santiago de Compostela e ao profesorado e ao estudantado da Université Gaston Berger de Saint-Louis de Senegal a súa implicación nesta proposta didáctica e tamén a Sonia Cordido Méndez, xefa da Oficina de Proxección Internacional da USC, por involucrarse e interesarse dende un inicio na posta en marcha deste proxecto COIL.
Agardamos que este sexa o inicio dunha frutífera colaboración entre ambas universidades e que poidamos seguir desenvolvendo estratexias de innovación docente nun contexto internacional e sen fronteiras. Neste senso, a través do COIL pretendemos que o coñecemento impartido nas aulas se achegue a realidades diversas nas que o estudantado esperte a súa conciencia intercultural e adquira diferentes competencias e valores mediante a internacionalización do currículo.





(Esta última foto é da sesión inicial do proxecto COIL)












