As concelleiras estradenses de Educación e de Cultura, Amalia Goldar e Lucía Seoane, respectivamente, mantiveron onte unha reunión no consistorio para coñecer a proposta da Universidade de Santiago de Compostela (USC), a través do seu Grupo de Investigación Terceira Xeración, de organizar na Estrada o seminario internacional Emocións e educación, un dereito. As artes como vínculo emocional. Segundo explicaron ao final, a pretensión é que este encontro se celebre no próximo mes de abril.
O seminario contaría con medio centenar de prazas, orientadas a profesionais e estudantes da área educativa, social e cultural. Se quedasen prazas libres, abriríase a proposta a outros interesados.
No marco deste encontro abordaranse temáticas «importantes e urxentes». «A educación afectivo-emocional, ou a ámbito da sustentabilidade e a educación de persoas maiores son elementos vehiculares da investigación en ciencias da educación», din os promotores.
O seminario organizarase ao redor de catro liñas temáticas: Emocións, educación e migracións; Emocións, educación e artes; Emocións, educación e Axenda 2030 e Emocións e educación de maiores. Celebrarase en dúas xornadas (venres e sábado) en modalidade presencial, con retransmisión en liña. As datas definitivas están pendentes de concretar.
Fontes:















