A primeira edición do Seminario Internacional “Emocións e Educación, un dereito. As artes como vínculo emocional” organizado polo Grupo TEXE na Estrada apunta a consolidarse como unha cita de referencia

O concello da A Estrada acolleu esta fin de semana un seminario internacional impulsado polo Grupo TEXE da Universidade de Santiago de Compostela baixo o título Emocións e educación, un dereito. As artes como vínculo emocional, unha cita que reuniu no Mome a especialistas, docentes e profesionais de distintos ámbitos para reflexionar sobre o papel das emocións na formación integral das persoas.

O encontro arrancou o venres coa apertura oficial e unha primeira conferencia centrada no dereito a unha educación integral, poñendo o foco nas habilidades brandas e na dimensión emocional da aprendizaxe. Ao longo da xornada desenvolveuse tamén unha mesa redonda dedicada ás persoas migrantes e ao acceso á educación, abordando os retos sociais e pedagóxicos ligados á diversidade cultural.

Xa o sábado, o programa continuou con novas relatorías e debates arredor da necesidade de defender unha educación que promova o benestar, así como a conexión entre os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible e o dereito a unha educación de calidade. A programación incluíu ademais espazos específicos para analizar a relación entre artes, cultura e benestar ao longo da vida.

Entre as actividades máis destacadas figuraron a proxección de Camiños conectados, un panel sobre metodoloxías innovadoras na escola e unha mesa redonda sobre o acceso aos dereitos culturais, na que se reivindicou a creación artística como ferramenta de inclusión e cohesión social.

A celebración deste seminario reforza o papel do Grupo TEXE como catalizador de iniciativas académicas e culturais de proxección internacional que contribúen á misión de transferencia das universidades, ao tempo que sitúa no centro do debate público cuestións cada vez máis presentes como a saúde emocional, a convivencia, a sostibilidade e o valor educativo das artes.

Fontes: