A Universidade de Santiago de Compostela acolle desde onte o VIII Congreso Internacional de Estudios del Desarrollo (CIED 2026), un encontro de referencia para a comunidade investigadora e profesional vinculada aos estudos do desenvolvemento, á cooperación internacional e á educación para a transformación social. Nesta edición, o congreso celébrase baixo o lema“Educación transformadora e cidadanía global: construíndo horizontes sostibles” e terá lugar entre os días 28 e 30 de outubro na Facultade de Ciencias da Educación, no Campus Vida.
O congreso nace nun contexto marcado pola emerxencia ecosocial global e pola necesidade de repensar o papel da educación fronte aos grandes desafíos contemporáneos. Neste marco, o evento propón un espazo de encontro, diálogo e intercambio arredor de cuestións como a educación para o desenvolvemento sostible e a cidadanía global, a sensibilización social, a educomunicación, a construción da opinión pública, a incidencia política e as experiencias comunitarias e colaborativas.
A organización do VIII CIED é froito da colaboración entre a Rede Española de Estudos do Desenvolvemento (REEDES), a Rede Galega de Cooperación Universitaria ao Desenvolvemento (RGCUD), a Coordinadora Galega de ONGD e o Grupo de Investigación Terceira Xeración da USC, entidades que unen esforzos para promover a investigación, a reflexión crítica e a construción de alternativas orientadas a un futuro máis xusto e sostible.
Durante tres xornadas, investigadoras e investigadores, profesionais, alumnado e representantes de organizacións sociais compartirán estudos, evidencias e experiencias que contribúan a comprender e afrontar os retos actuais nun contexto caracterizado pola desinformación, os discursos de odio e o auxe de diversos negacionismos. O encontro pretende, ademais, fortalecer redes de colaboración e impulsar novos imaxinarios colectivos baseados na esperanza, a cooperación e a sustentabilidade.
Desde o Grupo de Investigación Terceira Xeración celebramos o inicio deste importante foro internacional e agradecemos a todas as persoas, institucións e entidades participantes a súa contribución a un debate imprescindible para avanzar cara a modelos educativos comprometidos coa xustiza social, a solidariedade e a cidadanía global.
Fonte:: https://viiicied.org










