Integrantes do Grupo TeXe contribuíron ao debate sobre vivenda, exclusión social e participación cidadá no foro organizado por Solidariedade Internacional de Galicia (SIG)

Representantes de institucións e organizacións sociais e municipais de Galicia e Guatemala reflexionaron este mércores 21, no Centro de Estudos Avanzados da USC, sobre o dereito á vivenda digna e o papel dos gobernos locais como garantes de dereitos. O foro de intercambio ‘Vivenda, exclusión social e participación cidadá. O papel dos municipios como garantes de dereitos’, organizado por Solidaridade Internacional de Galicia (SIG), a Asociación Solidaridad para el Desarrollo y la Paz (SODEPAZ) e MEJORHA, entidade da sociedade civil de Guatemala, enmárcase nos procesos de transferencia de aprendizaxes e experiencias promovidos pola cooperación internacional.

A xornada ten como eixo central o proxecto ‘Promoción do dereito a unha vivenda digna, adecuada e saudable para a poboación indíxena Ch’orti’ do municipio de Jocotán, Corredor Seco Oriental (Guatemala)’, unha iniciativa impulsada por MEJORHA en colaboración con SODEPAZ e SIG, co apoio financeiro da Cooperación Galega da Xunta de Galicia, da Unión Europea e doutras axencias multilaterais.

O municipio de Jocotán, situado no departamento de Chiquimula e integrado no Corredor Seco Centroamericano, enfróntase a importantes retos derivados da vulnerabilidade climática, a pobreza e a exclusión social. Nesta contorna, a vivenda constitúe un elemento fundamental para garantir condicións de saúde, seguridade, dignidade e inclusión para a poboación, maioritariamente pertencente ao pobo indíxena Maya Ch’orti’.

O foro reúne representantes institucionais, persoas expertas e organizacións sociais de ambos os territorios para compartir experiencias e identificar respostas innovadoras fronte aos desafíos da exclusión residencial. Entre as persoas participantes atópanse Hadee Méndez, Ángel Berna e Marvin Calderón, da Asociación para o Melloramento Habitacional de Guatemala (MEJORHA), así como Antonio Sharshente, representante municipal de Jocotán, e Elida Súchite, lideresa comunitaria deste municipio guatemalteco.

O encontro conta tamén coa participación de representantes do Concello de Santiago de Compostela, do Concello de Ames, da cooperativa galega Hábitat Social, da asociación Provivienda, da Rede Galega contra a Pobreza e a Exclusión Social (EAPN Galicia), do Sindicato pola Vivenda de Compostela, de REAS Galicia (Rede de Economía Alternativa e Solidaria de Galicia), a Coordinadora Galega de ONGD e a iniciativa Etxekonak bat Sociedad Cooperativa de Navarra.

A través deste diálogo entre experiencias do Norte e do Sur global, a iniciativa pretende situar a vivenda como un dereito humano fundamental e como un elemento clave para o benestar comunitario. Así mesmo, procura xerar un espazo de reflexión e aprendizaxe compartida sobre a responsabilidade ética e social dos gobernos locais, das organizacións cidadás e das redes comunitarias na promoción de territorios máis xustos, inclusivos e sostibles.

As entidades organizadoras destacan que este foro representa unha oportunidade para fortalecer alianzas, intercambiar coñecementos e avanzar na construción de sistemas locais de protección e garantía de dereitos, poñendo en valor o papel da cooperación internacional como ferramenta para a transformación social e a defensa do dereito á vivenda digna.

Fonte: www.usc.gal