Actividade de fin de curso co alumnado de ópera do IV Ciclo do Campus de Lugo

O xoves 28 de maio, dentro do marco da materia “A ópera dos séculos XVII-XXI: teatro e cine”, coordinada e impartida polas docentes D.ª María González Blanco e D.ª Lusine Grigoryan Zohrabyane pertencente ao plan de estudos do Diploma Sénior en IV Ciclo no Campus de Lugo, levamos a cabo como actividade de fin de curso unha charla e concerto de órgano na Catedral de Lugo. Esta actividade foi impartida polo organista D. Adrián Regueiro García (organista na SAMI Catedral de Santiago). Con esta sesión o alumnado puido coñecer in situ o patrimonio musical da súa cidade e gozar dunha actuación musical en directo na que se interpretou un amplo repertorio de pezas de distintos estilos e autores como Alain, Bach, Boëllmann, Cabezón, Dupre e Pachelbel, entre outros.

Foi unha sesión moi didáctica e amena na que o alumnado puido achegarse máis fondamente ao coñecemento dos órganos, da interpretación, do repertorio e do patrimonio musical.

Esta actividade de fin de curso puido realizarse na Catedral de Lugo grazas á autorización e colaboración do Ilmo. Cabildo S.I. da Catedral de Lugo a quen reiteramos o noso agradecemento e tamén a D. Luis Varela Castiñeira (Prefecto de Música S.I. Catedral B. de Lugo). Agradecemos que nos brindasen esta oportunidade de gran proveito para a formación do alumnado e a súa boa disposición a colaborar con nós, contribuíndo desta forma a unha maior difusión e transferencia do coñecemento ao redor da música.

Fonte: Grupo TEXE.